O profesor Enrique Valero, novo presidente da asociación de certificación forestal PEFC Galicia

Garantir, a través do selo que emiten, que tanto a xestión forestal como a posterior transformación por parte da industria dos produtos procedentes dos bosques se realiza seguindo unha serie de criterios de sustentabilidade é o propósito central do labor que desenvolve a Asociación Galega Promotora de Certificación Forestal PEFC Galicia, que acaba de elixir como novo presidente ao profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Enrique Valero. Propietarios e xestores de montes, representantes da industria transformadora e doutra serie de colectivos, como usuarios dos montes, ecoloxistas, gandeiros ou cazadores, forman parte desta asociación fundada no ano 2003 e integrada á súa vez na alianza internacional de sistemas de nacionais e rexionais certificación forestal PEFC (Programme for the Endorsement of Forest Certification).

Valero, que na década de 1990 foi un dos promotores deste sistema internacional, “baseado nos criterios e indicadores de xestión forestal sostible da Conferencia de Helskini” e que conta a día de hoxe con máis de 326 millóns de hectáreas certificadas no mundo, salienta nese senso a importancia de que a EE Forestal forme parte, desde os seus inicios, dunha asociación centrada “en promover a xestión forestal sostible a través dunha verificación independente de terceiros”. Na asemblea xeral celebrada este xoves, a súa candidatura a presidir a asociación durante os próximos catro anos recibiu o apoio unánime dos asociados, completando a nova xunta directiva Roberto Pereira, representante da Organización Rural Galega Agroforestal, e Patricia González, representante do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, como vicepresidente primeiro e vicepresidenta segunda.

Ler a nova completa no DUVI